Pleno “á carta” en Santa Comba: cando a axenda municipal se move ao gusto do alcalde

Nova polémica no Concello de Santa Comba tras o cambio de data do pleno municipal, unha decisión que moitos xa non dubidan en cualificar como un exercicio de autoritarismo político con retranca incluída.

O pleno previsto para o 22 de maio acabou sendo trasladado ao día 29 cun argumento que, visto o visto, soa máis a escusa que a explicación: “Por ser o día da patroa dos funcionarios , día de Santa Rita e por non hai asuntos relevantes”. Iso foi o primeiro. O segundo chegou despois, cando segundo fontes da oposición, o propio alcalde, Alberto Romar, deixou caer o verdadeiro motivo: que el non ía estar ese día no Concello.

Traducido ao galego común: primeiro non hai temas, e despois non hai alcalde. E así, entre unha cousa e outra, o pleno móvese de sitio como quen cambia unha cea de sábado.

“O alcalde dixo nun principio que o aprazaba porque os asuntos non eran relevantes, e unha vez falaron con el espetoulles que non ía estar o día 22 e que o pleno sería o día 29, publicándoo posteriormente no BOP”, sinalan dende a oposición.

Dende distintos sectores xa se fala sen rodeos dunha forma de gobernar “á carta”, onde as datas e as decisións institucionais parecen adaptarse máis á axenda persoal que ao interese público. Outros van máis alá e definen a situación cunha frase que corre polos bares e polas redes: gobernar o Concello “como un cortello”.

Porque claro, o 22 de maio día de Santa Rita non é festivo en Santa Comba —as festas oficiais son o 29 e 30 de xuño—, e tratándose dun alcalde con dedicación exclusiva, agardábase algo tan básico como estar no seu posto. Pero semella que en Santa Comba iso tamén depende… do día que mellor conveña.

O resultado: un cambio de data difícil de xustificar e unha veciñanza que asiste, unha vez máis, a un xeito de facer política que cheira máis a tempos pasados que cheira máis a tempos pasados que a unha administración moderna e transparente.