Polémica en Santa Comba arredor do partido entre Veteranos do Xallas e o Real Madrid Leyendas

O anuncio do encontro entre un combinado de Veteranos do Xallas FC e o equipo de “Real Madrid Leyendas” xerou unha importante expectación en Santa Comba, nun partido que servirá ademais como homenaxe a Doro, histórico futbolista de 48 anos que continúa en activo no conxunto xalleiro e que suma décadas vencellado ao fútbol local.

O evento, presentado como unha cita “para a historia” do club e do deporte no municipio, tamén abriu un debate político e social arredor do custo destas exhibicións deportivas. Dende distintos sectores veciñais reclámase ao Concello maior transparencia sobre o investimento público destinado á organización do encontro, xa que este tipo de partidos adoitan implicar custos elevados para as administracións locais.

A plataforma Adiante Santa Comba manifestou publicamente o seu malestar coa decisión do goberno municipal, criticando o que consideran unha “falta de tacto” por parte do executivo local. O colectivo cuestiona que se impulsen este tipo de homenaxes mentres, segundo denuncian, non se celebran outras actividades tradicionais destinadas ás persoas maiores do municipio.

Nos últimos días, ademais, tamén transcenderon queixas internas dalgúns traballadores municipais, que aseguran verse obrigados a adiantar cartos do seu propio peto para adquirir roupa e calzado laboral necesarios para desempeñar o seu traballo diario. Estas denuncias incrementaron o malestar existente arredor da situación económica do consistorio e alimentaron as críticas da oposición e de diversos colectivos sociais.

“Se os empregados teñen que pagar do seu bolsillo material básico para traballar, algo non funciona na xestión municipal”, sinalan voces críticas consultadas por este medio, que cuestionan as prioridades do goberno local á hora de destinar recursos públicos.

No centro da controversia sitúase tamén o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, sobre o que a oposición e algúns colectivos poñen o foco polas súas compatibilidades profesionais e ingresos procedentes doutras actividades vinculadas á administración pública. Entre elas, mencionan un contrato co Concello de Val do Dubra. Ata o momento, o rexedor non realizou declaracións públicas sobre as críticas relacionadas co partido nin sobre as acusacións formuladas polos colectivos veciñais.

O soldo Máximo de 52.000€ hai que sumarlle 18.000€ dun contrato co Concello de Val do Dubra, que suman 70.000€ e faltan 5 das actividades económicas . Recordamos que os alcaldes de Vigo e A Coruña cidades que multiplican por 30 a poboación de Santa Comba perciben soldos de 77.000€ e 78.000€.

Pola súa parte, dende o entorno do Xallas FC destacan o carácter deportivo e emocional do encontro, subliñando que o partido pretende recoñecer a traxectoria de Doro, unha figura moi querida no fútbol comarcal, e converter a cita nun día festivo para a afección xalleira.