
Veciños denuncian demoras que, nalgúns casos, chegarían a superar as tres semanas
CEE. A demora para conseguir unha cita co médico de familia no Centro de Saúde de Cee volve xerar malestar entre os veciños. Unha persoa usuaria denuncia que, tras solicitar este xoves unha consulta, a primeira cita dispoñible que lle foi ofrecida estaba fixada para dentro de 14 días.
A situación provocou críticas entre usuarios do centro sanitario, que consideran excesivo o tempo de espera para acceder á atención ordinaria de medicina de familia.
Segundo sinalan varios veciños, as demoras poderían ser aínda maiores nalgúns momentos, chegando en determinadas ocasións a superar as tres semanas para conseguir unha cita co médico de familia.
Reclaman máis reclamacións ante o SERGAS
Ante esta situación, usuarios consideran necesario presentar reclamacións ante o SERGAS para deixar constancia formal das demoras e reclamar medidas que permitan reducir os tempos de espera.
A denuncia tamén pretende poñer o foco nunha problemática que, segundo os afectados, está a dificultar o acceso á atención primaria no municipio.
«É inadmisible», sinala a persoa que trasladou a súa queixa tras recibir unha cita para dentro de 14 días, reclamando que esta situación sexa coñecida e que se adopten medidas para mellorar a accesibilidade ao servizo.
As queixas veciñais apuntan así á necesidade de coñecer con datos oficiais cal é a situación real das listas de espera na atención primaria de Cee e se as demoras afectan de maneira puntual ou continuada á poboación usuaria.
Os usuarios reclaman que o SERGAS analice as demoras e adopte as medidas necesarias para garantir unha atención sanitaria de proximidade nun prazo razoable.
