
O proxecto conta cun orzamento de 511.355 euros e permitirá converter o inmoble industrial nun equipamento cultural visitable centrado na tradición marítima e conserveira da localidade.
O Concello de Ribeira continúa avanzando na revitalización do barrio de Bandourrío, con especial atención ao complexo de Cerqueira. O goberno local vén de sacar a licitación o proxecto de musealización da edificación anexa, un novo paso para recuperar e poñer en valor o patrimonio industrial e marítimo da zona.
A actuación contempla a transformación do inmoble nun equipamento cultural visitable que permita preservar a súa identidade histórica e dar a coñecer a estreita relación de Ribeira co mar. O proxecto manterá o carácter marítimo da edificación, facendo especial fincapé na industria conserveira, actividade que deu continuidade á tradición da salgadura e que tivo un importante peso no desenvolvemento económico e social da vila.
O obxectivo é recuperar este espazo patrimonial e convertelo nun recurso cultural aberto á cidadanía e ás persoas visitantes, contribuíndo á dinamización do barrio de Bandourrío e á difusión da memoria industrial de Ribeira.
Un investimento de máis de 511.000 euros
O orzamento base da licitación ascende a 511.355,05 euros, IVE incluído. A intervención está cofinanciada nun 60 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco da estratexia de desenvolvemento integrado local, a través do Plan EDIL PAI Ribeira Atlántica 2030.
Con esta iniciativa, o Concello dá un novo impulso á recuperación do patrimonio de Cerqueira, apostando pola súa conservación e por novos usos culturais que contribúan a reforzar a identidade marítima de Ribeira e a revitalizar o seu tecido urbano.
