O Club Narani Carballo brilla na Copa do Mundo de Taekwon-Do

Manuel Carracedo proclámase campión do mundo por equipos e Adriana Lista acada o subcampionato na modalidade de Tul IV-VI DAN

O Concello de Carballo recibiu na Alcaldía unha representación do Club Narani Carballo para recoñecer e felicitar os seus deportistas polos excelentes resultados acadados na Copa do Mundo de Taekwon-Do, celebrada en Benidorm do 28 de setembro ao 3 de outubro.

O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, mantiveron un encontro cos representantes do club para poñer en valor os éxitos conseguidos nesta importante competición internacional.

Entre os resultados máis destacados figura o de Manuel Carracedo, que se proclamou campión do mundo en combate por equipos coa selección española. Pola súa banda, Adriana Lista acadou o subcampionato do mundo na modalidade de Tul IV-VI DAN, sumando unha nova medalla internacional ao palmarés do club carballés.

Na competición tamén participaron Jorge Gago e Manuel Riveiro, que representaron o Narani Carballo nesta cita mundialista acompañados polo seu adestrador, Adrián Torres.

Durante a recepción, os deportistas compartiron as súas experiencias na competición e deixaron constancia deste importante logro no Libro de Honra do Concello de Carballo.

Estes resultados son motivo de orgullo para o deporte local e reflicten o traballo, a dedicación e o compromiso dos deportistas e do equipo técnico do Club Narani Carballo.

Carballo celebra os seus éxitos e felicita o club por levar o nome da vila ao máis alto do podio mundial.