Sergio García Villar (PSdeG-PSOE) denuncia o abandono do parque de Santiso e reclama actuacións urxentes contra a avespa velutina

O concelleiro do PSdeG-PSOE en Malpica de Bergantiños, Sergio García Villar, expresou a súa preocupación polo estado de abandono que presenta o parque de Santiso, situado na parroquia de Vilanova, e pediu ao goberno municipal que actúe con urxencia para garantir a seguridade e o correcto mantemento deste espazo público.

Segundo sinala o edil socialista, o parque atópase nun evidente estado de falta de mantemento, con abundante maleza e unha imaxe de abandono que dificulta o seu uso e goce por parte da veciñanza, especialmente das familias con nenos e nenas que frecuentan esta zona de lecer.

A esta situación súmase, segundo denuncia García Villar, a ausencia de labores de trampeo preventivo contra a avespa velutina, unha cuestión que considera especialmente preocupante nesta época do ano. O concelleiro indica que varios veciños lle trasladaron as súas queixas pola presenza deste insecto nas inmediacións do parque, o que incrementa a inquietude entre os usuarios debido ao risco que pode supoñer para a seguridade das persoas.

«O mantemento dos espazos públicos non pode quedar relegado. É necesario que o Concello actúe con responsabilidade, mantendo os parques en condicións axeitadas e reforzando as medidas de prevención fronte á avespa velutina», manifestou Sergio García Villar.

Desde o PSdeG-PSOE solicitan ao Concello de Malpica de Bergantiños unha intervención inmediata para limpar a maleza, acondicionar o parque e intensificar as campañas de trampeo e control da avespa velutina, co obxectivo de garantir que o parque de Santiso volva ser un lugar seguro e agradable para toda a veciñanza.