
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026.– A formación municipalista UCIN Galicia criticou este luns o novo acordo entre o PSOE, o BNG e Sumar para avanzar na transferencia da xestión e da titularidade da AP-9 á Xunta de Galicia, ao considerar que se trata dunha iniciativa baseada no “electoralismo” e afastada dunha explicación rigorosa sobre o impacto económico real da medida.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, asegurou que “a inmensa maioría dos galegos desexa unha AP-9 gratuíta, e UCIN tamén o defende, pero a política responsable obriga a dicir a verdade completa e non só a parte que dá votos”.
Desde a organización lembran que a concesión da autoestrada continúa vixente ata o ano 2048, polo que un rescate anticipado da concesión podería supoñer unha indemnización multimillonaria á empresa concesionaria, ademais de posibles custos xudiciais derivados da modificación ou ruptura do contrato.
“Estamos falando de cifras que poderían superar os 2.000 millóns de euros. Iso non é un detalle menor. A cidadanía ten dereito a saber canto custaría realmente, quen o pagaría e de onde sairía ese diñeiro”, afirmou Calo.
UCIN Galicia considera que ningunha das formacións que impulsan actualmente esta proposta explicou con claridade como se financiaría unha operación destas dimensións nin o posible impacto que podería ter sobre outros servizos públicos e investimentos prioritarios para Galicia.
“A política non pode converterse nun concurso de promesas imposibles. Hai que deixar de vender solucións máxicas e empezar a falar con rigor”, sosteñen desde a formación.
A organización tamén insiste en que a transferencia da AP-9 á Xunta non suporía automaticamente a eliminación das peaxes nin resolvería por si soa o problema económico da concesión. “Trasladar a titularidade á Xunta sen explicar o custo do rescate é trasladar tamén unha posible carga económica enorme para todos os galegos”, advirten.
Por este motivo, UCIN Galicia reclama a apertura dun debate público “serio, transparente e afastado da propaganda”, no que se expliquen con honestidade os límites legais e financeiros existentes arredor da autoestrada.
Mentres tanto, a formación aposta por aplicar medidas “realistas e viables a curto prazo” para aliviar a situación dos usuarios da AP-9, como a ampliación das bonificacións, maiores descontos para usuarios frecuentes, a limitación das subidas das peaxes e unha maior capacidade de decisión desde Galicia sobre a xestión da vía.
“Claro que queremos unha AP-9 gratuíta no futuro, pero tamén queremos saber como se vai facer e quen vai asumir o custo. Porque ao final, todo o que non se explique agora acabarémolo pagando entre todos”, concluíu José Luis Calo.