
Foto: Concello de Arteixo
Protección Civil de Arteixo traballa na retirada da árbore, mentres se rexistran outras incidencias en distintos puntos do municipio
O vento provocou a caída dunha árbore en Monteagudo, no concello de Arteixo, onde efectivos de Protección Civil están a traballar para retirala e restablecer a normalidade na zona.
As condicións meteorolóxicas adversas tamén están a causar outras incidencias en diferentes puntos do municipio, entre elas na zona de Loureda, segundo a información facilitada.
A AEMET mantén activo o aviso amarelo por vento, con refachos que poden chegar a alcanzar os 80 quilómetros por hora durante as próximas horas.
Á situación súmase o aviso amarelo por choiva, cunha previsión de acumulados que poderían chegar aos 40 litros por metro cadrado en 12 horas.
Ante estas condicións, recoméndase extremar as precaucións, especialmente en zonas arboradas e durante os desprazamentos por estrada.
