
Os socialistas esixen explicacións ao Goberno local e á Xunta e reclaman a finalización inmediata dun proxecto valorado en máis de dous millóns de euros
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixiu explicacións ao Goberno local, encabezado polo alcalde Carlos Calvelo, e á Consellería de Educación polo atraso nas obras de ampliación do IES A Pastoriza. Segundo denuncia a formación, o proxecto acumula xa máis dun ano de demora respecto da data oficial prevista para a súa entrega.
As obras, anunciadas en 2024 cun investimento superior aos 2,1 millóns de euros, contemplaban a construción de preto de 1.500 metros cadrados de novas instalacións, con dez aulas e distintos espazos comúns. A previsión anunciada daquela pola Xunta e polo Concello era que o novo edificio estivese rematado en xullo de 2025 e operativo ao inicio do curso 2025/2026.
Porén, segundo o PSOE de Arteixo, o prazo non se cumpriu e a ampliación continúa sen estar a disposición da comunidade educativa ao comezo do curso 2026/2027.
O voceiro socialista, Martín Seco, criticou a xestión do proxecto e puxo tamén o foco na empresa adxudicataria das obras, que, segundo sinala, sería a mesma que levou a cabo a reforma do IES Manuel Murguía, actuación que os socialistas aseguran que tamén estivo marcada por atrasos e inconvenientes.
“O PP volve caer nos mesmos erros de xestión. Sabían dos antecedentes e dos problemas que se deran noutros centros do concello e, aínda así, permitiron que a ampliación do IES Pastoriza acumule máis de doce meses de atraso sen esixir responsabilidades nin dar ningunha explicación ás familias”, afirmou Seco.
O PSOE considera que existe un contraste entre os anuncios realizados no seu momento pola Xunta e o Concello e a situación actual que vive o centro educativo. A formación socialista asegura que o atraso está a provocar prexuízos para o alumnado e o profesorado, que continúan sen dispoñer dos novos espazos previstos no proxecto, incluídas as melloras relacionadas coa accesibilidade.
Seco tamén cuestionou a utilización do proxecto como exemplo do compromiso das administracións co crecemento demográfico de Arteixo.
“Carlos Calvelo e a Consellería viñeron a Arteixo a vender a foto do novo aulario como exemplo de compromiso co dinamismo demográfico do noso concello. A realidade hoxe é que levamos dous cursos escolares perdidos e máis dous millóns de euros de diñeiro público nunha obra eternizada”, sinalou.
Os socialistas reclaman ao alcalde que dea explicacións públicas sobre a situación das obras e que reclame á Xunta a súa finalización. O grupo municipal pide, ademais, coñecer os motivos concretos polos que non se cumpriu o calendario previsto e cando poderá a comunidade educativa utilizar finalmente as novas instalacións.
