
O Concello de Cee continúa cos traballos de mellora dos espazos públicos do municipio. Nesta ocasión, as actuacións centráronse no aparcadoiro do Mercado Municipal, que presenta unha nova imaxe tras os traballos realizados.
As intervencións incluíron a renovación e mellora do pavimento, a instalación de nova sinalización e o pintado das prazas de estacionamento, así como unha reorganización dos espazos destinados á circulación e ao aparcadoiro dos vehículos.
Con estas actuacións, o goberno local busca mellorar a distribución dos espazos, facilitar a circulación e ofrecer unhas instalacións máis ordenadas e funcionais tanto para os usuarios do mercado como para a veciñanza.
Desde o Concello destacan a importancia de continuar traballando na mellora dos servizos e equipamentos municipais, incidindo tamén naqueles pequenos detalles que contribúen a facer de Cee un municipio máis cómodo e accesible.
**Feitos e melloras**, é a mensaxe coa que o Concello de Cee dá conta desta actuación, destacando o seu compromiso coa conservación e mellora dos espazos públicos.
