
A central sindical traslada as súas condolencias e solidariedade á familia, amizades e compañeiros e compañeiras do traballador falecido
A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) de Compostela reclama unha investigación exhaustiva para esclarecer as causas do accidente laboral no que faleceu un traballador nunha obra en Negreira. Responsables da organización sindical desprazáronse onte ata o lugar dos feitos para interesarse polo sucedido e comprobar de primeira man as circunstancias do sinistro.
No momento da visita, a obra estaba sendo inspeccionada por efectivos da Inspección de Traballo, técnicos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e a Policía Xudicial, que investigan as causas do accidente.
Segundo as informacións recadadas pola FCM-CIG, o traballador tería caído desde o tellado da obra. Aínda que a investigación permanece aberta, desde a central sindical sinalan que todo apunta a que poderían non terse adoptado as medidas de prevención necesarias para evitar a caída.
A CIG considera imprescindible determinar con precisión o sucedido e, no caso de que se detecten incumprimentos, reclama que se depuren as responsabilidades correspondentes e se adopten as medidas necesarias para evitar que accidentes deste tipo volvan producirse.
Denuncia da precariedade nas obras
Desde a FCM-CIG alertan, ademais, da situación de precariedade que padecen numerosos traballadores e traballadoras do sector da construción, especialmente persoas migrantes.
Segundo as informacións das que dispón a organización sindical, o obreiro falecido era de orixe brasileira e residía en Portugal. A CIG denuncia que moitos traballadores estranxeiros empregados en obras de Galicia se atopan en situacións laborais precarias, con xornadas interminables, horas extraordinarias que non sempre son remuneradas e unha exposición elevada a riscos que poden comprometer a súa saúde e mesmo a súa vida.
Neste sentido, a central sindical reclama á Inspección de Traballo e ao conxunto das administracións públicas que intensifiquen os controis e adopten as medidas necesarias para poñer fin ás situacións de explotación laboral no sector da construción.
A FCM-CIG insiste na necesidade de garantir condicións laborais dignas e un cumprimento escrupuloso da normativa laboral e de prevención de riscos laborais, especialmente nun sector no que os accidentes poden ter consecuencias fatais.
A organización sindical trasladou as súas condolencias e solidariedade á familia e ás compañeiras e compañeiros do traballador falecido e reclamou que a investigación permita esclarecer ata as últimas consecuencias as circunstancias que rodearon o accidente.
