A Feira das Letras de Zas mergúllase na historia coa presentación de “Falcóns e Gorrións”

A Feira das Letras de Zas continuou esta tarde cunha intensa programación cultural que reuniu literatura, música e cinema arredor da memoria e da historia de Galicia.

A protagonista da xornada foi a autora Carmen Blanco Sanjurjo, que presentou a súa novela histórica Falcóns e Gorrións, unha obra centrada na revolta irmandiña e resultado de máis de cinco anos de investigación e traballo. Durante o encontro, a escritora achegou ao público un episodio pouco coñecido da nosa historia, pero fundamental para comprender o pasado de Galicia.

O acto deixou entre os asistentes o interese por seguir descubrindo os acontecementos e personaxes dunha época clave, nunha novela que continúa a sumar éxito tamén fóra de Galicia. A organización quixo agradecer especialmente a presenza da autora en Zas cunha obra que xa conta con cinco edicións en castelán e que agora chega tamén ao público na súa edición en galego.

Mentres tanto, a música tomou as rúas da vila da man de Churía e da AC Adro, que animaron a tarde cos seus pasarrúas e contribuíron a crear un ambiente festivo e participativo.

A programación continúa esta noite coa proxección de San Simón, incluída dentro do Ciclo Mestre Mateo.

A Feira das Letras seguirá mañá ás 12.00 horas cunha mesa redonda sobre memoria histórica, franquismo e represión na contorna, na que participarán Josefa Suárez, autora local de Zas, e Luis Lamela, de Corcubión.