
A parroquia de Cabana viviu hoxe unha xornada moi especial coa celebración da XXV edición da Xuntanza de Maiores, unha cita xa tradicional que reuniu a máis de 800 persoas nun ambiente de convivencia, homenaxe e alegría.
A veciñanza máis veterana puido desfrutar dun completo menú tradicional composto por polbo, empanada e carne ao caldeiro, nun encontro marcado polo bo ambiente e pola celebración compartida. A sobremesa chegou acompañada de música e baile, poñendo o broche festivo a unha cita moi agardada cada ano.
O alcalde, José Muíño, participou tamén na celebración e foi o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes, destacando a importancia desta xornada “como recoñecemento ao papel fundamental que os nosos maiores teñen na vida social e cultural do municipio”.
A Xuntanza de Maiores alcanza así as súas 25 edicións consolidada como unha das celebracións máis emblemáticas do calendario local, converténdose nun espazo de encontro, lembranzas e agradecemento para toda unha xeración de veciños e veciñas.






