
A formación atribúe o sobrecusto á xestión do anterior goberno de UxC e denuncia que o proxecto, que contaba cunha subvención concedida en 2022, non chegou a materializarse.
Alternativa dos Veciños de Cambre volve poñer o foco na xestión do anterior goberno municipal de Unión por Cambre (UxC), ao denunciar que a falta de execución dun proxecto municipal suporá agora un custo de case 200.000 euros en concepto de intereses para as arcas municipais.
O voceiro da formación, Raúl Varela, cualificou este novo gasto como «un suma e segue da nefasta xestión de UxC» e asegurou que estes case 200.000 euros se engaden a outras cuestións económicas pendentes atribuídas ao anterior executivo, como os 600.000 euros en horas extraordinarias da Policía Local que, segundo sinala, presuntamente haberá que devolver, así como máis dun millón de euros correspondentes a obras do Plan Provincial que quedaron sen executar.
Desde Alternativa dos Veciños consideran que este caso é un exemplo máis das consecuencias dunha xestión que, ao seu xuízo, deixou proxectos anunciados sen chegar a materializarse. A formación lembra que a iniciativa fora presentada publicamente con grandes expectativas, pero finalmente non se levou adiante.
O proxecto contemplaba actuacións para solucionar as graves deficiencias do pavillón municipal e reducir o consumo eléctrico doutros edificios municipais da contorna mediante a instalación dunha rede de autoconsumo con placas solares.
A formación explica que a subvención para levar a cabo esta actuación fora conseguida no ano 2022. Porén, segundo denuncia, en 2024 as obras xa non foron incluídas nos orzamentos municipais porque o expediente non se tramitara dentro dos prazos e da forma requiridos.
Alternativa dos Veciños critica que esta falta de tramitación acabara impedindo executar unha actuación que consideraba necesaria para mellorar as instalacións deportivas e avanzar na eficiencia enerxética dos edificios públicos, e que agora, ademais, tería consecuencias económicas para o Concello.
A formación insiste en que os case 200.000 euros en intereses representan un novo prexuízo para as contas municipais e reclama que se poñan en contexto as consecuencias económicas das actuacións que quedaron pendentes durante o anterior mandato.
