
O líder de Avanza Malpica, Javier Ferreiro , cuestiona a xestión do alcalde de Malpica, Eduardo Parga, do Partido Popular, e reclama avances en varias actuacións que considera prioritarias para o municipio.
Ferreiro asegura que o alcalde «sae moi ben nas fotos», pero critica que, ao seu xuízo, esta presenza pública non se corresponde coa situación dalgúns proxectos pendentes. Entre eles, sinala especialmente o CENTRO DE DÍA , que continúa pechado.
«O alcalde sae moi ben nas fotos, pero o CENTRO DE DÍA segue pechado», manifesta o responsable de Avanza Malpica, que reclama ao Goberno municipal que explique cal é a situación actual da instalación e cando está previsto que poida comezar a prestar servizo.
Outro dos asuntos aos que fai referencia Ferreiro é a depuradora de Beo. O líder de Avanza Malpica afirma que espera e desexa que este proxecto «sexa unha realidade e non outra promesa incumprida».
Javier Ferreiro reclama así ao Goberno municipal de Malpica que pase «das fotografías aos feitos» e que informe á veciñanza sobre o estado dos proxectos pendentes, especialmente aqueles relacionados cos servizos públicos e coas infraestruturas necesarias para o municipio.
