Cando os anxos choran, en Santa Comba cae un ser de luz

«Cando os anxos choran…». Así comeza unha das cancións máis coñecidas do grupo mexicano Maná. E onte, en Santa Comba, para min caeu un anxo. Ou, mellor dito, un deses seres de luz que aparecen moi poucas veces na vida.

Hai persoas que podemos contar cos dedos das dúas mans. Persoas humildes, honradas, humanas e xustas. Persoas que, máis alá das siglas políticas, deixan unha pegada profunda na sociedade. María Pose é, para min, unha desas persoas.

Durante anos estivo ao pé do canón, loitando por cada veciño e cada veciña de Santa Comba. Unha muller que, na miña opinión, nunca fixo da política unha carreira polo poder, senón unha forma de servir ao seu pobo.

María aguantou o que non está escrito. Viviu momentos moi difíciles, críticas, ataques nas redes sociais e situacións persoais que puxeron á proba a súa fortaleza ( Ataques por un traidor que foi alcalde e polo círculo do actual alcalde ). E, malia todo, mantivo algo que a define: a educación, o sorriso e a humildade.

Mentres ao seu redor se podían percibir ambicións, intereses e loitas polo poder, ela decidiu non entrar nese xogo. Mantívose fiel á súa maneira de entender a política e á súa forma de ser.

Na súa última etapa á fronte da Alcaldía recibiu un Concello nunha situación económica complicada e, segundo os datos municipais daquela etapa, baixou a débeda drásticamente. Ese tamén é un legado que merece ser lembrado.

Pero gobernar ten un prezo. E a política, ás veces, pode ser tremendamente cruel. O desgaste físico e emocional acabou pasando factura. Xa na oposición, a presión e determinadas situacións vividas debido a miembros do círculo da alcaldía e un traidor no ámbito político e nas redes sociais fixeron aínda máis difícil unha etapa que, para ela, xa viña marcada polo cansazo.

Hoxe creo que moita xente en Santa Comba está chorando en silencio.

Quizais agora non todos sexan conscientes do que significa a súa marcha da primeira liña política. Quizais sexa co paso do tempo cando moitos comprendan que perderon unha persoa que, con todos os seus erros e acertos —como calquera ser humano—, puxo o seu pobo por diante de moitas cousas.

Santa Comba perdeu unha gran líder.

E tamén perdeu unha persoa que, para moitos, representaba algo cada vez máis difícil de atopar: integridade, fidelidade, humanidade e capacidade de poñer a cara cando chegaban os momentos difíciles.

María, grazas.

Grazas pola túa labor. Grazas pola túa humildade. Grazas pola túa sinceridade. Grazas por non cambiar a túa maneira de ser cando as cousas se puxeron difíciles.

Nun mundo no que tantas veces parecen dominar a cobiza, o interese persoal e a procura do poder, persoas coma ti lembran que a política tamén pode ser humanidade.

Agora comeza outra etapa.

A Martín Suárez Pais, novo candidato do Partido Popular de Santa Comba, deséxolle toda a sorte do mundo. Terá por diante un reto importante: construír o seu propio camiño, rodearse das persoas axeitadas e, se así o decide, continuar aquilo que considere mellor do legado de María.

E unha reflexión persoal: na política, como na vida, os amigos de verdade son os que estiveron sempre, nos bos e nos malos momentos. Os novos achegamentos deben ser observados con calma e con prudencia. O poder pode atraer persoas con intereses moi diferentes.

Martín, que ninguén che quite a capacidade de distinguir entre quen camiña contigo por amizade e quen se achega por interese.

Porque ao final, cando pasan os anos, os cargos desaparecen, as siglas cambian e as fotografías quedan no esquecemento.

O que permanece é a persoa.

E María Pose, para moitos de nós, permanecerá.

Porque hai políticos.

E despois están esas persoas que, por unha razón ou por outra, se converten en seres de luz.

Onte, en Santa Comba, eu sentín que caía un deles.

Gracias María!