
Miguel Corgos defende no Parlamento Europeo unha política de cohesión con recursos territoriais identificables, participación autonómica e garantías fronte á centralización
Bruxelas, 29 de setembro de 2026.– Galicia reclama unha participación efectiva das comunidades autónomas no deseño e xestión do novo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea para o período 2028-2034. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, trasladou hoxe esta posición no Parlamento Europeo, durante o acto da coalición EuRegions4Cohesion, organizado coa colaboración da Fundación Galicia Europa.
A proposta comunitaria formula un cambio significativo respecto ao actual período financeiro 2021-2027, ao integrar nun único fondo e nun Plan de Colaboración Nacional e Rexional (PCNR) por Estado membro os programas e fondos que ata agora se xestionaban de maneira diferenciada. O novo modelo pretende simplificar as regras, incrementar a flexibilidade e orientar o financiamento cara aos resultados.
Galicia considera positiva a simplificación dos instrumentos, pero advirte de que esta non debe implicar unha maior centralización das decisións. Durante a súa intervención, Corgos reclamou unha política de cohesión accesible para todas as rexións e unha participación real das autoridades locais e autonómicas desde a preparación dos plans ata a súa execución, nun marco de gobernanza multinivel.
O Goberno galego defende tamén que o futuro marco financeiro conte con orzamentos específicos e diferenciados para garantir unha resposta suficiente en ámbitos estratéxicos como a política de cohesión, a agricultura e a pesca.
Recursos territoriais claros e estables
Outro dos puntos centrais da posición galega é a distribución territorial dos fondos. Galicia reclama que esta se basee en criterios obxectivos e transparentes e advirte de que o cambio na arquitectura financeira europea non debería supoñer unha redución abrupta da capacidade de investimento das rexións nin deixar a asignación territorial exclusivamente en mans dos Estados.
Neste sentido, Corgos defendeu que o futuro Plan español identifique claramente os recursos destinados a Galicia e estableza garantías para preservar a súa estabilidade. O obxectivo é evitar que estes fondos poidan ser reorientados cara a outras prioridades sen a participación da autoridade responsable do capítulo rexional.
O capítulo galego deberá, segundo a proposta trasladada polo conselleiro, adaptar as reformas e investimentos ás necesidades e potencialidades específicas da comunidade, establecendo fitos, obxectivos e resultados coherentes coas medidas programadas.
Para Galicia, a integración dos diferentes fondos nun único plan estatal non debe supoñer a desaparición da dimensión territorial nin limitar a capacidade de decisión autonómica nas materias que son competencia da comunidade.
Máis participación das comunidades na elaboración do Plan español
Corgos reclamou ademais que as comunidades autónomas participen desde o inicio na preparación do Plan español, tanto no seu deseño como na definición das prioridades, na distribución territorial dos recursos, na negociación dos distintos capítulos e nos mecanismos de modificación e seguimento.
Galicia considera igualmente necesario concretar as funcións das autoridades de xestión rexionais, incluíndo o sistema de asignación e garantía dos fondos, a participación na interlocución coa Comisión Europea, o papel da coordinación estatal, os fluxos financeiros e os mecanismos de seguimento, control e auditoría.
Tamén pide clarificar a relación entre o capítulo específico destinado a Galicia e os diferentes capítulos sectoriais ou estatais.
Preocupación pola PAC, a pesca e o desenvolvemento rural
A integración da Política Agraria Común (PAC) e da política pesqueira no novo fondo constitúe outra das preocupacións trasladadas por Galicia. A comunidade reclama recursos suficientes e claramente identificables para o sector primario, así como manter unha resposta específica para o desenvolvemento rural.
No ámbito pesqueiro, Galicia defende unha asignación visible e protexida para a pesca e a acuicultura, dada a importancia destes sectores para a economía e o territorio galegos.
Galicia prepara xa a súa estratexia para o novo período
O calendario de negociación do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 fai necesario, segundo Corgos, que España avance canto antes na definición do seu Plan e abra un proceso de diálogo coas comunidades autónomas antes de que se adopten as principais decisións sobre a súa configuración.
Neste contexto, Galicia xa está a traballar na preparación do seu futuro capítulo rexional a través da Estratexia Galicia-Europa 2030, que permitirá identificar prioridades, proxectos e reformas susceptibles de incorporarse tanto ao futuro Plan español como aos instrumentos de xestión directa da Unión Europea.
O Executivo galego considera que a simplificación da política de cohesión pode facilitar a xestión dos fondos europeos, pero insiste en que debe ir acompañada dunha gobernanza multinivel efectiva, recursos rexionais identificables e estables e capacidade real das autoridades territoriais para participar na programación e xestión dos investimentos.
Para Galicia, o reto do novo marco financeiro europeo será, polo tanto, combinar maior sinxeleza administrativa con máis participación territorial, garantindo que as comunidades poidan contribuír de maneira efectiva á definición e aplicación das políticas que afectan ao seu desenvolvemento.
