
A formación nacionalista denuncia que a actuación elimina un espazo destinado aos peregrinos e á veciñanza e advirte do seu posible impacto na hostalería de Sigüeiro.
O BNG de Oroso critica a decisión do alcalde, Álex Doval, de asfaltar unha senda de terra prensada de aproximadamente 1.600 metros situada nas inmediacións de Sigüeiro, unha infraestrutura que, segundo a formación nacionalista, foi creada hai uns seis anos para garantir a seguridade dos peregrinos do Camiño Inglés e facilitar os paseos da veciñanza.
Desde o BNG consideran que esta intervención supón un cambio de prioridades a favor do tráfico rodado, ao ampliar o espazo destinado aos vehículos en detrimento dun itinerario pensado para os peóns. A formación cuestiona así o compromiso do goberno municipal coa protección e promoción do Camiño Inglés.
«De verdade che importa o Camiño Inglés? De verdade che importa a nosa xente?», pregúntase a formación nacionalista, que cuestiona que se elimine unha infraestrutura peonil para favorecer a circulación dos coches.
O BNG tamén alerta das posibles consecuencias económicas desta decisión para a hostalería de Sigüeiro. Segundo sinala, os peregrinos que chegan a pé representan unha oportunidade para os negocios locais, desde cafeterías e restaurantes ata establecementos de aloxamento.
Neste sentido, a formación advirte de que priorizar os vehículos fronte aos camiñantes pode transmitir unha imaxe pouco acolledora do municipio e dificultar que os peregrinos fagan unha parada en Sigüeiro para consumir ou pasar a noite.
A formación nacionalista considera que a promoción turística debe ir acompañada de medidas que favorezan a mobilidade peonil e a seguridade dos peregrinos, especialmente nun itinerario de relevancia como o Camiño Inglés.
Por iso, o BNG de Oroso cuestiona a actuación municipal e defende que as decisións urbanísticas deben ter en conta tanto a protección dos camiñantes como os intereses da veciñanza e do tecido económico local.
«Un alcalde que asfalta unha senda peonil para darlle máis espazo aos coches non está promocionando o Camiño Inglés, está dinamitándoo», conclúe a crítica da formación nacionalista.
