
O acto terá lugar este mércores 30 de setembro no Estaleiro O Baladiño de Canduas e contará coa presenza de Ana Pontón
O BNG dará este mércores, 30 de setembro, o primeiro paso público de cara ás eleccións municipais de 2027 coa presentación das súas candidatas en Cabana de Bergantiños, A Laracha e Ponteceso.
O acto terá lugar a partir das 19:00 horas no Estaleiro O Baladiño, en Canduas (Cabana de Bergantiños) e contará coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que acompañará ás tres cabeza de lista.
Durante a presentación intervirán Tatiana Rellán, candidata do BNG á Alcaldía de Cabana de Bergantiños; Carolina Castiñeiras, cabeza de lista en A Laracha; e Fátima Rodríguez, candidata en Ponteceso.
O encontro servirá para facer públicas as candidaturas e presentar os primeiros trazos do proxecto co que o BNG afrontará as eleccións municipais de 2027 nestes tres concellos da Costa da Morte.
Segundo sinala a formación nacionalista, o obxectivo é construír un proxecto político coa participación da veciñanza e a partir das necesidades concretas de cada municipio, poñendo o foco nas cuestións que afectan ao día a día de Cabana de Bergantiños, A Laracha e Ponteceso.
A presentación das candidatas supón así o inicio da preparación pública dun proceso electoral no que o BNG pretende trasladar as súas propostas e abrir espazos de participación cidadá nos tres concellos.
O acto será aberto ao público e contará coa participación de Ana Pontón xunto ás candidatas das tres localidades.
