
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, vén de asinar un convenio de colaboración coa Fundación ONCE e Inserta Empleo co obxectivo de impulsar o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade no municipio.
Este acordo establece un marco de colaboración entre as entidades para mellorar as oportunidades laborais deste colectivo, promovendo iniciativas que favorezan a súa formación, orientación e incorporación ao mundo laboral.
A través deste convenio desenvolveranse accións de captación, derivación, formación, orientación e inserción laboral, co propósito de facilitar o acceso das persoas con discapacidade a un emprego de calidade.
Con esta iniciativa, o Concello de Teo reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, a inclusión social e laboral e a eliminación das barreiras que dificultan o acceso ao emprego, apostando por un municipio máis xusto, inclusivo e con oportunidades para todas as persoas.
