
nés Ramos e Patricia Iglesias participaron nun encontro con representantes socialistas de Bergantiños, Costa da Morte e Soneira, no que defenderon as políticas de emprego, a protección das pensións e a igualdade de oportunidades.
CARBALLO, 14 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE reivindicou este sábado en Carballo o emprego, o fortalecemento dos servizos públicos e a protección dos dereitos sociais como piares fundamentais para garantir o futuro de Bergantiños, Costa da Morte e Soneira. A formación socialista celebrou un encontro con candidatos, cargos públicos e representantes orgánicos destas comarcas no parque do Anllóns, no marco da campaña das eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro.
No acto participaron a deputada autonómica Patricia Iglesias e os candidatos socialistas Jorge Domínguez, Inés Ramos e José Manuel Pérez Abelenda, xunto a voceiros municipais, concelleiros e outros representantes do partido no territorio.
Durante a xornada, a candidata Inés Ramos puxo o foco no esforzo diario da veciñanza e na necesidade de desenvolver políticas que permitan crear emprego, ofrecer oportunidades á mocidade e garantir servizos públicos de calidade en todos os concellos da comarca.
“O motor de Bergantiños é a xente que madruga todos os días, aquí en Carballo, na Laracha e en todos os concellos da comarca. O noso compromiso é claro: traer oportunidades reais, coidar os nosos servizos públicos e construír futuro desde aquí, desde a comarca de Bergantiños”, manifestou.
Ramos incidiu tamén na importancia da proximidade e do compromiso coa cidadanía como elementos esenciais da acción política, destacando o papel das persoas que, co seu traballo diario, contribúen ao desenvolvemento económico e social do territorio.
“O noso motor, a nosa forza, é a nosa xente, os nosos veciños e veciñas e o traballo real de cada día”, subliñou.
Pola súa banda, a deputada autonómica Patricia Iglesias situou as eleccións do 29 de novembro como unha cita decisiva para o futuro das políticas sociais e contrapuxo o modelo do Goberno de Pedro Sánchez ás propostas do PP e Vox, que, segundo advertiu, poden supoñer un retroceso en materia de dereitos e protección social.
“Temos dous modelos claros: por unha banda, o retroceso, a privatización das pensións e a ausencia de xustiza social; pola outra, o progreso, a xustiza social e as políticas que miran pola vida da xente e da clase traballadora”, afirmou.
Iglesias destacou como exemplos das políticas impulsadas polo Executivo estatal a revalorización das pensións garantida por lei, o incremento do salario mínimo interprofesional e o reforzo das bolsas de estudo destinadas á mocidade.
A parlamentaria resumiu a posición socialista ante a próxima convocatoria electoral coa mensaxe “fronte a dereitas, dereitos”, unha expresión coa que reivindicou a defensa das conquistas sociais e a igualdade de oportunidades.
O encontro celebrado no parque do Anllóns enmárcase na axenda de actos que o PSdeG está a desenvolver en distintos municipios da provincia da Coruña durante esta primeira fin de semana de campaña. A formación busca situar no centro do debate electoral as necesidades da cidadanía, con especial atención á creación de emprego, á calidade dos servizos públicos e á protección dos dereitos sociais como ferramentas para garantir un futuro con máis oportunidades nas comarcas de Bergantiños, Costa da Morte e Soneira.
