
A contorna natural dos Penedos de Pasarela e Traba foi escenario hoxe dunha enriquecedora actividade divulgativa coordinada polo catedrático emérito Juan Ramón Vidal Romaní, quen conseguiu reunir a veciñanza e a numerosas persoas interesadas en coñecer de preto este singular enclave da Costa da Morte.
A iniciativa enmárcase no proxecto Sabor a Mar con R, promovido pola Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte e financiado polo GALP Costa da Morte, contando ademais coa colaboración dos concellos de Vimianzo e Laxe.
Durante a xornada, as persoas participantes puideron achegarse ao valor xeolóxico, paisaxístico e cultural deste espazo, considerado un dos tesouros naturais máis destacados da zona. A actividade puxo o foco na importancia de conservar e divulgar este tipo de patrimonio, fomentando ao mesmo tempo o turismo sostible.
Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo agradeceu que a proposta chegase ao municipio, subliñando a relevancia de traballar de maneira conxunta entre institucións e colectivos. Segundo destacou, este tipo de iniciativas contribúen a “divulgar, coidar e poñer en valor o noso patrimonio natural”, reforzando ademais o vínculo da veciñanza co seu territorio.








