Os veciños de Sada denuncian o estacionamento de vehículos sobre as beirarrúas na prolongación da rúa da Obra

Os veciños de Sada denuncian a presenza de vehículos estacionados sobre as beirarrúas na prolongación da rúa da Obra, unha situación que dificulta o paso dos peóns e afecta especialmente ás persoas con mobilidade reducida.

Segundo explican, inicialmente instalaranse bolardos para evitar que os coches invadisen a zona peonil. Porén, tras os continuos impactos dalgúns vehículos, que acababan danando estes elementos, optouse por retiralos.

Posteriormente, no seu lugar pintouse unha liña amarela, unha medida que, segundo denuncian, non está a resultar efectiva, xa que os vehículos continúan aparcando sobre a beirarrúa e impedindo o tránsito peonil.

Esta situación afecta especialmente ás persoas que utilizan andadores ou cadeiras de rodas, así como ás familias que circulan con carriños de bebé, que poden atoparse con dificultades para continuar o seu percorrido.

Ante esta problemática, os veciños anuncian que trasladarán a situación ao Concello de Sada para solicitar unha solución que garanta o uso das beirarrúas por parte dos peóns.

Ademais, fan un chamamento á colaboración cidadá e piden á veciñanza que comunique este tipo de incidencias tanto aos propios veciños como ao Concello a través das canles oficiais.

«Unha beirarrúa serve para camiñar. Non é unha praza de aparcamento», lembran os veciños, que reclaman medidas para garantir a seguridade e a accesibilidade peonil.