


O Partido Popular de Camariñas denunciou publicamente o deterioro dunha rúa do municipio, onde, segundo advirte a formación, existe un importante oco baixo unha zona que foi parcheada con asfalto en varias ocasións.
Desde o PP aseguran que o estado da vía empeora ano tras ano e alertan de que o firme podería ceder ao paso dun vehículo, co conseguinte risco para a circulación e a seguridade viaria.
A formación popular afirma que xa trasladou esta situación en varias ocasións durante os plenos municipais, pero critica que a resposta do Goberno local se limite a botar novas capas de asfalto sobre a zona afectada, sen acometer unha solución definitiva.
«Non é un simple bache, é un perigo para a seguridade viaria», sinalan desde o PP de Camariñas, que reclama unha intervención inmediata para solucionar o problema de maneira permanente.
A formación esixe ao Executivo municipal que abandone os parcheos e realice unha reparación definitiva antes de que se produza algún incidente.
